12 mar 2010

A DEPUTACIÓN DE OURENSE REALIZARÁ DURANTE O MES DE XUÑO EN BRUXELAS UNHA XORNADA DE PROMOCIÓN DA LOUSA

A xornada, que se desenvolverá na sede da Fundación Galicia Europa, estará enfocada a dar a coñece-las posibilidades da lousa na nova arquitectura sostible ante o colectivo de arquitectos, construtores e decoradores da cidade belga, así como ante os lobbys europeos da construción que se asentan nesta cidade.
O vicepresidente 2º, Moises Blanco, aproveitou a súa estadía en Bruxelas co gallo da sinatura dos estatutos da rede Partenalia, rede de entidades intermedias europeas, para manter unha entrevista con persoal da Fundación Galicia Europa para levar a cabo esta iniciativa. Esta entrevista é continuación da mantida hai meses co director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, na que o director xeral se compremeteu a dar todo o seu apoio a esta xornada de divulgación da lousa.
A Deputación de Ourense, como socio da Fundación Galicia Europa, desenvolverá durante o mes de xuño unha xornada en Bruxelas, que terá como obxectivo promove-la lousa desde o punto de vista da arquitectura sostible e os materiais enerxeticamente eficientes, un sector en alza en Europa. A arquitectura sostible é o modo de concibi-lo deseño arquitectónico de maneira sustentable, buscando aproveita-los recursos naturais de tal modo que minimicen o impacto ambiental dos edificios sobre o medio ambiente e os seus habitantes. Esta xornada tamén servirá para a promoción da lousa ourensá ante os produtos alternativos de menor custo e peor calidade. Para a promoción dun dos sectores máis importantes da nosa provincia, a Deputación apoiara a Asociación Galega de Pizarristas (AGP) con sede en Sobradelo de Valdeorras, asociación que aglutina a totalidade dos empresarios do sector.
Logo da xornada de promoción da lousa, esta previsto que os representantes da Asociación Galega de Pizarristas (AGP) manteñan contactos con colectivos asentados na capital europea relacionados co sector da construción, así como con europarlamentarios galegos para que coñezan a situación actual do sector.
É preciso lembrar que Ourense é lider mundial no sector louseiro grazas á calidade e dispoñibilidade da súa lousa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario