2 jul 2009

A DEPUTACIÓN DE OURENSE PARTICIPA NA CONSTITUCIÓN DO CONSELLO POLÍTICO DE PARTENALIA NA CIDADE FRANCESA DE LILLE

A Deputación de Ourense participou na constitución do Consello Político de Partenalia, que tivo lugar en Lille (Francia) os días 29 e 30 de xuño, estando representada polo seu vicepresidente segundo, Moisés Blanco Paradelo. Ademais da constitución do consello político, no que saiu elexido coma presidente, Juan Andrés Tovar Mena (Presidente da Deputación de Cáceres), abordáronse temas de interese para a nosa provincia, como son os relacionados co papel das autoridades locais intermedias na política de cohesión despois do 2013, e tamén se aprobou unha declaración consensuada sobre o papel chamado a desenvolver polas autoridades intermedias no futuro da política de cohesión europea.

Nesta declaración, que están asinando os 22 membros da rede (entre elas a Deputación de Barcelona, Deputación de Sevilla, Provincia de Roma, Provincia de Turín, Rexión de Bruxelas, etc.) poderíase resumir no cumprimento por parte das institucións europeas dos oito puntos, que se expoñen a continuación:

1. Manter o principio de subsidiaridade como o principio definitorio da política de cohesión, dentro dun marco común de prioridades claras e compartidas.

2. Aumentar a participación das autoridades locais intermedias na concepción e na elaboración das estratexias de desenvolvemento rexionais, especialmente nunha época de crise na que se necesitan novas formas de crecemento e novas metodoloxías.
3. Ter en conta o impacto territorial das iniciativas e políticas da UE á hora de valorar se se está promovendo a política de cohesión ou si, polo contrario, están aumentando as desigualdades rexionais.

4. Usar os datos apropiados co fin de facilitar unha mellor comprensión e unha mellor distribución dos fondos, así como unha mellor avaliación da situación.
5. Basear a política de cohesión non só nos indicadores rexionais (NUTS II), senón tamén a nivel provincial (NUTS III ) e inferior, a fin de ter en conta territorios con dificultades situados dentro dunha zona competitiva (por exemplo, as rexións nas existen grandes diferencias entre provincias como é o caso do forte desequilibrio territorial da provincia de Ourense en relación coas provincias atlánticas)

Sinatura da Declaración de Lille. De esquerda a dereita. J. Basterra (Director do Gabinete do Deputado Xeral da Deputación Foral de Guipuzcoa), Moises Blanco (Vicepresidente 2ª da Deputación de Ourense), J. Alvarez (Deputado Delegado do Area de Fomento da Deputación de Almeria).

6. Diversificar os indicadores máis ala do PIB per cápita.
7. Ter en conta os desafíos actuais como a vivenda, as dificultades do mercado laboral e o cambio demográfico.

8. Traballar en favor de iniciativas que teñan un maior valor europeo engadido, mediante a cooperación territorial.

Moitos dos puntos expostos na declaración de Lille foron propostos á rede pola Deputación de Ourense a través da participación nas consultas sobre a futura Política de Cohesión (Libro Verde da Cohesión Territorial), nas que a Deputación de Ourense participou co envío da súa propia proposta, sendo a única deputación galega que presentou as súas propostas ante a Dirección Xeral de Política Rexional, e ademais na elaboración dunha proposta conxunta da rede.

A importancia desta declaración, así como a conversión da rede en asociación internacional baixo dereito belga, lexitimará moito máis as decisións da rede no futuro, posto que aspira a ser o referente europeo das autoridades locais intermedias en Europa e un interlocutor indispensable nas consultas, debates e procesos da Unión Europea.

Esta declaración farase chegar a través da rede ás diferentes institucións europeas (Comisión Europea, Dirección Xeral de Política Rexional, Comisión REGI do Parlamento Europeo, así como ó Comité das Rexións) para que a tomen en consideración.

Hai que lembrar que Partenalia é a única rede europea de autoridades intermedias locais (deputacións, provincias, etc.). Neste intre está formada por 22 membros de provincias españolas, portuguesas, francesas, italianas, belgas e holandesas. O seu labor consiste en consolidar e facer ver o papel desempeñado polas autoridades locais intermedias no proceso da construción europea, promovendo a execución das políticas europeas no nivel local.

No hay comentarios:

Publicar un comentario