20 jul 2009

APARECEN SOBRES CO MEMBRETE DO PSOE CHEOS DE CARTOS


O PPdeG pide a Manuel Vázquez que aclare por qué aparecen sobres con membrete do PSOE repletos de diñeiro na Concellaría de Obras de Negreira

- Os populares esperan que as cantidades aparecidas non se empregaran para conseguir favores na adxudicación de traballos, posto que poderíamos estar a falar dun posible caso de cohecho.

- O propio alcalde socialista asegurou que o sobre pertencía a un edil do seu grupo.

- Ao PPdeG parécelle sospeitoso que os socialistas se neguen a investigar o caso e a aportar probas que ratifiquen a súa versión.

- Os populares úrxenlle ao PSOE que aclare a situación e que non se evada das súas responsabilidades.
O Partido Popular de Galicia insta ao secretario xeral do PSOE galego, Manuel Vázquez, que aclare o motivo polo cal aparecen sobres con membrete do PSOE cheos de cartos na Concellaría de Obras de Negreira. O propio alcalde socialista asegurou que o sobre pertencía ao edil de Obras, pero as explicacións que se aportan para xustificar a aparición deses cartos non son nada convincentes.
Ao PPdeG parécelle moi sospeitoso que, como afirmou o alcalde de Negreira, o edil de Obras sacase da súa propia conta corrente unha considerable cantidade de diñeiro para adiantar do seu peto os fondos para unha obra municipal, que suspostamente ao final xa non fixo falla pagar. Por esta razón, resulta sospeitoso que eses cartos que xa non se necesitaban aparecesen no consistorio. Pero máis sospeitoso resulta, para o PPdeG, que os socialistas se negasen no pleno extraordinario do pasado mércores a constituir unha comisión de investigación que esclareza a orixe dese diñeiro.
Para o PPdeG todo apunta a que os socialistas teñen algo que esconder e por iso se negan a investigar o asunto e a aportar as facturas da suposta obra municipal que financiarían eses cartos, que serían claves para ratificar a súa versión.
Os populares só esperan que as cantidades aparecidas non se empregaran para conseguir favores na adxudicación de traballos, posto que, de ser así, sería un claro caso de cohecho que non estarían dispostos a pasar por alto.
Polo tanto, úrxenlle ao PSOE de Negreira que aclare a situación e que non se evada das súas responsabilidades e, do mesmo xeito, solicitan do PSOE en Galicia que tome cartas no asunto e que non se desentenda dos problemas que rodean aos seus acólitos municipais. O PPdeG non vai consentir que os cidadáns se queden sen unha explicación clara da procedencia deses cartos e de probas que a corroboren, posto que teñen dereito a saber qué clase de políticos os gobernan.
O PPdeG espera que o diñeiro aparecido non fose entregado por algún particular para someter a voluntade do edil de Obras, e menos ainda que este houbera collido ese diñeiro para lucrarse él o para financiar o seu partido. En todo caso, a dúbida debe ser resolta de forma inmediata cunha aclaración rápida e minuciosa. E se esta non provén do PSOE en Negreira, Manuel Vázquez deberá abrir unha investigación interna para determinar o alcance deste caso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario