22 sept 2009

O “GALICIA CHESS FESTIVAL 09” REUNIRÁ EN OURENSE AOS MELLORES XADRECISTAS DO MUNDO


Ourense reunirá o vindeiro fin de semana aos mellores xadrecistas dos mundo de “xadrez relámpago”, unha modalidade que consiste en partidas que duran entre 3 e 60 minutos. Os vindeiros días 25, 26 e 27 de setembro a cidade acolle un acontecemento deportivo que está a ser difundido entre 40 millóns de xadrecistas de todo o mundo a través de Internet: o “Galicia Chess Festival 2009”.

Con motivo do Xacobeo 2010 e dentro das actividades de promoción do Ano Santo, organízase en Ourense este festival de xadrez con torneos espectaculares coma o “Aberto Internacional de Xadrez Activo Memorial Fernando Marcote” e os “Campionatos de Europa de Xadrez Activo Feminino Xadrez Lóstrego e Xadrez Lóstrego Feminino”, cun fondo de premios de 54.000 euros.Na presentación estiveron presentes o vicepresidente da Deputación de Ourense, Moisés Blanco, e os organizadores do evento Roberto Paramos, Joaquín Bello e Elías González. As xornadas de competición terán lugar no pavillón Paco Pazo, comezando ás 16.00 horas do venres, e rematando coa clausura, o domingo ás 19.00 horas. O acto de inauguración levarase a cabo na Deputación de Ourense o venres, ás 13.00 horas, coa presencia, entre outras autoridades do director xeral para o Deporte e a directora xeral de Turismo da Xunta de Galicia.

Nesta edición do “Chess Festival” o público asistente poderá contemplar en directo o espectáculo que supón ver aos mellores xadrecistas dos mundo, pertencentes a 40 países, disputando partidas rápidas con 600 xogadores. Os organizadores afirman que en Galicia existen máis de 20.00 afeizoados ao xadrez, moitos dos cales se darán cita este fin de semana no Pazo dos Deportes “Paco Paz”.O vicepresidente da Deputación, Moisés Blanco, dixo na presentación que o Torneo de Xadrez “Chess Festival” coloca a nosa provincia no centro mundial deste deporte. “A Deputación de Ourense, co apoio e patrocinio deste evento, xoga un papel importante polo que supón unha aposta decidida polo singular deporte do Xadrez, que abrangue todas as idades e que pode ser practicado en calquera lugar”.


Unha clara referencia ourensá relativa ao xadrez é Iván Salgado –becado pola Deputación-, un campión que se ten convertido nun dos máis importantes deportistas de Ourense, “a base de constancia, traballo, aprendizaxe e dedicación; características todas dos mellores deportistas”, explicou Moisés Blanco.Ademais, prográmanse numerosas actividades paralelas para o público, acompañantes ou os propios xogadores: partido de futbol “Selección de Xadrez contra C.F. Ourense Xuvenil”, Festa do Xadrez en Suite212, visita á Adega Ribeira Sacra, visita ao casino de Chaves, excursión Canón do Sil, paseo en piragua, baños termais, concursos de xadrez, baloncesto, tenis ou golf.

Ourense, terra termal por excelencia, promociónase entre outras culturas que tamén conxugan o xadrez co turismo termal coma son Budapest, Baden-Baden ou Montecatini Terme. Segundo os organizadores, este evento deportivo oferta 600 prazas para participantes e proponse como prioridade potenciar o xadrez feminino, contando como principal patrocinador ao Xacobeo 2010.

No hay comentarios:

Publicar un comentario