5 sept 2009

FELICIDADES JOSÉ ANTONIO GURRIARÁN

Falar da cultura galega é o mesmo que falar de xeracións e decenios de intensa produción literaria, artística e xornalística.

Tanto dende Galicia como fóra dela, os intelectuais e artistas galegos alimentaron dende o berce un carácter galeguista, que foi collendo forma a través da literatura, o xornalismo, a música e as artes, ata chegar á XERACIÓN NÓS, onde deu o seu impulso máis importante.

Hoxe sentímonos ledos daquela herdanza. Pero lonxe de conformarnos con iso, a intelectualidade ourensá e galega está a vivir unha plena efervescencia e actualización, sen esquecer as súas orixes.

A mellor proba delo é JOSÉ ANTONIO GURRIARÁN. Como bo investigador vai pola vida en silencio, sen facer ruído, como se temera espertar do soño no que están inmersos os grandes creadores.

JOSÉ ANTONIO GURRIARÁN é un referente do xornalismo dos últimos 50 anos. Unha distinción que se gañou a pulso, con esforzo, dedicación, e mesmo a base de sufrimento; pero sempre cun obxectivo claro: informar de maneira profesional e veraz, aportando unha inmensa riqueza intelectual ao xornalismo das últimas décadas.

Por algo, o seu ingreso como "miembro de mérito" do IEV é, máis ca nunca, obxectivo e xusto, para un home que sempre quixo ser xusto e obxectivo no seu traballo, e que sempre tivo a Valdeorras, a O Barco, na ruta do seu camiño vital.
Á súa extensa e fecunda traxectoria xornalística únense outras disciplinas como a de divulgador, reporteiro e conferenciante. É dicir: toda unha vida dedicada á información, á investigación e ao coñecemento, ao que se une un talante aberto e dialogante, en definitiva, universal, que posúen o seu traballo e a súa persoa.
Ourense gañouse a pulso a denominación da “ATENAS DE GALICIA” polo seu fondo calado intelectual. A elo contribuíu e contribúe o INSTITUTO DE ESTUDOS VALDEORRESES, creado o 17 de maio de 1979 coincidindo -din que por puro azar de datas- co Día das Letras Galegas. Eu penso que non é azar, senón o destino, que quixo ligar ao IEV con esta data tan importante para a cultura galega.
É de xustiza agradecer o traballo que nestes 30 anos desenvolveron todos os presidentes do IEV, ás súas xuntas directivas, e todas cantas persoas colaboraron a prol da cultura en Valdeorras.
Porque os galegos temos sempre na memoria a figura dos que nos precederon, que fixeron aínda máis grande esta terra. Nomes como:

· Rosalía de Castro, que fixo universal a nosa lingua.
· Ramón Cabanillas, Curros, Celso Emilio Ferreiro ou o mestre Asorey, que esculpiron o noso carácter cos seus poemas e coas súas esculturas.
· Domingo Fontán, autor do primeiro mapa científico de Galicia.
· Manuel Murguía, historiador que fixo historia.
· Valle Inclán, innovador aínda 72 anos despois da súa morte.
· Castelao, símbolo do noso primeiro Estatuto de Autonomía.

E tamén Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas…, e tantos outros coñecidos ou anónimos, que nas súas ocupacións no campo, no mar, na universidade, nas súas diferentes profesións, fixeron de Galicia unha terra de oportunidades. Porque todos contribuímos a engrandecer Galicia, e por suposto o noso Ourense.
Entre todo eses famosos e anónimos hai, por suposto, xornalistas que, como JOSÉ ANTONIO GURRIARÁN, permitíronnos con seu traballo coñecer realidades moitas veces ocultas ao gran público. Realidades que gracias a eles, puidemos percibir, sentir e comprender.
Querémosche agradecer, JOSÉ ANTONIO, que sexas un referente cultural para Valdeorras, para Ourense e para Galicia.
Gracias por engrandecer á cultura e o xornalismo galegos.
Gracias polo teu traballo.
Gracias, sinceras, de parte do teu pobo, que te quere, e da túa provincia, que admira a túa inestimable aportación cultural e profesional, pero sobre todo HUMANA.

1 comentario:

  1. PODEIS VISITAR EN LA WEB"FUNDACION DOMINGO FONTAN"UNA PAGINA CON DOCUMENTACION INEDITA DE LA VIDA Y OBRA DEL AUTOR DE LA CARTA GEOMETRICA DE GALICIA

    ResponderEliminar