19 may 2009

VALDEORRAS DESCÚBREA

Descubrir Valdeorras. Este é o obxectivo da guía turística que hoxe se presentou no Centro Cultural da Deputación de Ourense, un proxecto froito do acordo establecido entre a Deputación provincial e o Foro de Valdeorras Século XXI, para dar a coñecer a riqueza monumental, paisaxística, etnográfica, comercial e gastronómica desta comarca do oriente ourensán.

Hai 8.000 razóns para visitar Valdeorras, tantas como o número de exemplares que editou o Departamento de Publicacións da Deputación de Ourense desta guía -3.000 en galego e 5.000 en castelán-. Cunha coidada edición, escollidos textos e fermosas fotografías, dos cales é autora Guillermina Lozano Álvarez, a guía abrangue baixo o título de “Valdeorras. Descúbrea” 90 páxinas de información práctica e de gran utilidade para o viaxeiro, onde se recollen establecementos hostaleiros, “lugares para gozar”, “lugares para visitar” e información xeral de cada un dos concellos da comarca valdeorresa: A Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.

O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, dixo na presentación da guía que potenciar o turismo “é unha necesidade desta comarca que ten moito que ofrecer e que, ás veces, é a gran descoñecida, non xa para os galegos, senón para os propios ourensáns”. Baltar amosouse “satisfeito” de poder poñer a disposición da Fundación Comarcal de Valdeorras esta guía “que será un novo instrumento da difusión da comarca”.

Pola súa banda a portavoz do Foro Valdeorras Século XXI, Mª Carmen Rodríguez González, dixo que temos entre as mans “a primeira publicación dos recursos turísticos de Valdeorras”, e animou ao Foro -integrado polas forzas políticas e sociais da comarca- a seguir traballando nesta dirección, “retomando novos retos en defensa da comarca valdeorresa”.

No acto participaron tamén o vicepresidente da Deputación de Ourense, Moisés Blanco, e a directora de Publicacións da institución provincial, Ana Malingre, acompañados polos autores e editores da guía e membros do Foro de Valdeorras. Todos coincidiron en afirmar que dar a coñecer as potencialidades dunha comarca coma a de Valdeorras supón abrirlle as portas a novas posibilidades económicas, culturais, de creación de emprego e de asentamento de poboación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario