11 oct 2010

REUNIÓN DO COMITÉ EXECUTIVO DO PP DE OURENSE O DOMINGO 10 DO 10 DO 10

Onte acudín o Comité Executivo do PP de Ourense que se celebrou en Pontegrande (Celanova). Na reunión se trazou a estratexia que levará a cabo o partido nos 92 concellos da provincia de Ourense de cara ás vindeiras eleccións municipais de 2011.

Elaborar un "mapa de necesidades" dos concellos e contar coa opinión e as suxestións dos veciños para facer un programa electoral "feito entre todos", son as liñas básicas do proxecto que o Partido Popular de Ourense elaborará para gañar a confianza dos cidadáns, "ofrecéndolles aos cidadáns solucións responsables e axeitadas para facer fronte a crise que estamos a padecer e para poñernos en marcha dunha vez, deixando de lado gobernos bipartitos que na nosa provincia non fixeron máis ca enchernos a todos de problemas coas súas liortas", afirma o presidente provincial, Manuel Baltar.

Os 69 membros que compoñen o Comité Executivo Provincial desenvolveron este domingo unha xornada de traballo que se prolongou durante toda a mañá, na que o secretario provincial do PP e candidato á Alcaldía de Ourense, Rosendo Fernández, deu lectura ao informe de xestión, e o presidente provincial analizou polo miúdo a situación electoral nos concellos, e anunciou os novos proxectos que porá en marcha o PP de Ourense nas vindeiras semanas.

Manuel Baltar dixo que o Partido Popular afrontará con firmeza, unidade e responsabilidade as "eleccións da crise", "porque hoxe máis ca nunca os cidadáns necesitan recibir e ofrecer confianza, para que as empresas, os autónomos e os traballadores vexan que se poden facer políticas económicas que estimulen os mercados, e que podemos crecer e mellorar".

O presidente provincial considera que agora, máis ca nunca, hai que pensar nos parados, nas familias, nos maiores e nos xóvenes. "O noso programa electoral farase pensando en eles e contando con eles, co que nos digan, para que a "política" non sexa só cousa dos políticos, senón tamén dos veciños que queren o mellor para o seu concello".

Para levar a cabo esta "política de proximidade" o Partido Popular de Ourense intensificará os actos e as visitas a todos os barrios, asociacións e organismos dos 92 concellos da provincia de Ourense, co o obxectivo "claro e contundente" de estar coa xente, para escoitala e recoller as súas demandas.

"Iremos ás eleccións municipais pensando exclusivamente en solucionar os problemas dos nosos veciños e cun proxecto que mellore a súa calidade de vida. Pero non iremos pensando en manobras políticas, nin en pactos de perdedores, que o único que fan é encher o ego político do PSOE e do BNG, que se xuntan para tentar gobernar, pero non para xestionar con eficacia", afirma Manuel Baltar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario