19 jul 2010

ROSENDO FERNÁNDEZ NO "XORNAL DE GALICIA"

Deixo neste espazo unha fenomenal entrevista que lle fixeron ao candidato á alcaldía de Ourense polo Partido Popular, Rosendo Fernandez, que foi publicada no Xornal de Galicia.
O deputado Rosendo Fernández, é o candidato do PP ás vindeiras eleccións á alcaldía da cidade de Ourense no 2011. O “alcaldable”, como gusta de definirse, mostrase disposto a aportar a súa experiencia e a “recoller todos os proxectos, inquedanzas e ideas dos veciños” para conformar un programa electoral que responda ás necesidades de todos. En canto ao suposto enfrontamento entre o PP de Feijóo e o de Baltar, Fernández bota balóns fóra. “Só hai un partido”, di.

Despois da elección de Manuel Baltar como presidente provincial do PP e toda a polémica que rodeou o proceso electoral, non cre que xente pode percibir que hai dous partidos populares en Galicia?

Nin moito menos. Como acabamos de saír dun congreso onde houbo dúas forzas que optaron pola presidencia, pois de alí sae o sainete de que hai un PP de Ourense e de que hai un PP de Galicia… Aquí hai un único Partido Popular, que ten unha finalidade clara: que a alcaldía de Ourense sexa popular e que haxa un Goberno municipal forte, coherente e uniforme nas súas apreciacións, e non un Goberno bipartito no que unha metade do Executivo non sabe do que fai a outra metade. En época de crise non se pode consentir que exista unha alcaldía, unha tenencia de alcaldía, dobres logotipos, dobres sedes, dobres gabinetes de prensa... Dobre ineficiencia e dobre custe. Tampouco é serio que estas dúas formacións que configuran o goberno da cidade de Ourense, PSOE e BNG teñan concurrido ás eleccións con programas electorais totalmente distintos dos que logo se esqueceron.


Di que hai un único PP, pero se ben Feijóo sempre fai bandera da austeridade do seu Goberno, a oposición critica constantemente a José Luis Baltar polo suposto “despilfarro e nepotismo” na súa Deputación...

A min gústame que se fale de austeridade, e foi o presidente Feijóo o primeiro que dixo que había que aplicar a austeridade, sendo moi criticado por iso pola oposición. Con respecto á Deputación de Ourense, eu comprendo que a oposición teña que facer bandeira destes temas, porque realmente non pode facer outra política, é a única forma que teñen de desgastar o presidente do ente provincial. O despilfarro e o nepotismo non poden estar nos titulares dos xornais nada máis. Hai que demostralo, e ata agora realmente se demostrou moito menos do que se fala.



Que lle responde aos que din que para ter un posto na Deputación hai que levar os carnés do PP ben visibles?

Eu non vou xustificar o da Deputación de Ourense poñendo exemplos doutras administracións nas que se fai o mesmo. Ante todo, as bases das oposicións da Deputación de Ourense empréganse noutros concellos e noutras institucións. Eu, o único que vexo neste tema é o acoso mediático a través dos medios, nos que se fala de despilfarro e nepotismo sen demostrar absolutamente nada. Existen uns tribunais de oposición que ninguén impugnou nin votou abaixo.



Con razón ou sen ela, o certo é que a Deputación sempre lanza unha imaxe un tanto negativa. Cre que isto pode afectar á visión de Ourense como marca?

Non cabe dúbida de que en Ourense a Deputación soa moito porque ten un presidente que está en boca de todos debido a que ten personalidade. Eu creo que a cidade de Ourense está nunha depresión. Dende que no 2007 chegou o bipartito non se fixo absolutamente nada: AVE, Consorcio de Termalismo, beiras do Miño… Nada. E aínda por enriba, se temos en conta que Ourense, provincia e cidade, está conformada maioritariamente por pensionistas, funcionarios e pequenos empresarios e autónomos, vemos que as políticas estatais repercuten especialmente na nosa cidade. Mentres, os da alcaldía quietiños a ver se escampa. E de que se fala? Pois da Deputación, claro. Porque temos un presidente que está por enriba da medianía dos políticos municipais que temos hoxe.


PSOE e BNG estanlle dando moita publicidade á idea de que dende Santiago Feijóo vaille pechar a billa presupostaria a Ourense para amolar os Baltar. Pensa que pode ser un obstáculo para a súa chegada a alcaldía?

É un tema moi manido. Que se diga que Feijoo marcha por unha parte e Baltar marcha por outra… Eu non o concibo. Como se lle vai pechar a billa a Ourense cando nos presupostos da Xunta deste ano estamos por enriba da Coruña e de Pontevedra no que lle corresponde a cada cidadán? E se vai repercutir en min… Pois mire, prefiro que repercuta en min persoalmente e non na formación para que poida acadar a alcaldía de Ourense.


Como está de preto o PP de volver a gobernar a Deputación?

A Deputación ten unha marxe de dous deputados. Nós, neste momento, sabemos onde temos que traballar para manter ou superar os resultados: na cidade e no distrito xudicial de Ourense. Alí é onde temos que esforzarnos máis. O problema é o de sempre: que o PP ten que gañar por maioría para gobernar. Os outros configuran un goberno de perdedores e os programas se meten no caixón.



Vostede ten unha ampla experiencia política, non obstante, o seu perfil semella que non é que máis encaixa coa “renovación” da que fala Feijóo...

Ben, experiencia teño, iso non se pode negar e pode ser visto como unha virtude. De todas formas, non escoitei esa crítica de se o meu era un perfil de renovación ou non por ter ocupado diversos cargos no pasado.


Que pode aportar vostede máis que Enrique Nóvoa ‘Poly’ á hora de tratar de alcanzar a alcaldía de Ourense?

Eu non creo que vaia aportar máis ou menos que Poly; non é unha cuestión de personalismos, é unha cuestión colectiva. Por que os órganos correspondentes do partido me elixiron a min e non a Poly? Ben, non hai que entrar niso. Por que entón hai tres anos elixiron a Poly e non a outro?

Cecais porque o anterior alcalde, Manuel Cabezas, deixouno xa moi ben enfocado...

Deixouno case enfocado si, pero iso non quere dicir que porque Cabezas renunciase tres ou catro meses antes a alcaldía Poly tivese que ser o candidato…


Como convencería a cidadanía de Ourense de que o ten que votar?

Eu poño a miña experiencia a disposición de toda a cidadanía de Ourense para que o programa electoral que se presente, que vai facerse segundo as suxestións de todas as persoas e colectivos se poña en práctica facendo políticas de proximidade, traballando humildemente e estando en contacto co cidadán. Non serei submiso nin condescendente cos Gobernos supramunicipais. E nunca lle mentirei á cidadanía.


É partidario da limitación de mandatos nos órganos administrativos?

A limitación de mandatos, que eu teño concibida para min, debería ser por lei. Eu aplícomo. E máis, algúns me dixeron estes días cantos anos estaría se saio alcalde. Por min non máis de oito anos, dúas lexislaturas. Pero ben, todo isto a nivel persoal.


Está considerado como un membro desa corrente é ourensanista e galeguista que hai dentro do PP...

Eu procedo de Coalición Galega. De feito, fun dos últimos en abandonala, no ano 91. Eu sigo pertencendo, e pertenzo aínda sentimentalmente e no meu ideario político, ao centro galeguista reformista. Alí estou situado. É o ideario que predica o noso presidente Alberto Núñez Feijóo: centro galeguista.


Cal é a súa visión do chamado conflito lingüístico?

Eu son partidario do galego, pero non do galego identitario, se non do galego como feito cultural, como ferramenta de entendemento entre os galegos. O que non entendo é o galego como confrontación. Eu só sabía galego cando me levaron aos once anos de Salvaterra para Vigo, e recordo que me dicían que era un aldeán por non saber castelán. Polo tanto, eu son un defensor do galego, pero non quero impoñer o idioma, precisamente porque eu xa sei o que é que te impoñan unha lingua, no meu caso o castelán. Eu aplícome o de “falo galego cando quero y hablo castellano cuando me da la gana”.


Cal é a súa postura sobre a reforma estatutaria e o feito de que se poida incluír ou non o termo nación?

Recordo a Beiras dicir que o Estatuto actual podía dar moito máis de si. Eu penso que aínda non se explotou en toda a súa extensión. Vainos traer un maior benestar un novo Estatuto? Pode ser que si, pero en todo caso, hoxe existen outras prioridades. E despois está o de nazón, nación ou non nación. Se non vai ter ningún efecto xurídico, nin vertente xurídica algunha, para que se quere incluír ese termo? Que significa ese sucedáneo que di o PSOE de “nación de Breogán”? Por que interesa? Se o Constitucional di que o termo nación non é válido xuridicamente, por que queremos metelo nós? O que si que concibo é a Galicia igual que outras comunidades autónomas, pero como unha comunidade histórica, xa totalmente contemplada. Polo tanto, eu quero un Estatuto que nos repercuta en positivo e non quero un Estatuto que traia confrontación co resto do Estado. Que se fale entre os tres grandes partidos representativos da comunidade autónoma para chegar a un acordo amplo e qué se deixen de personalismos e de terminoloxía que non teñen valor.


Que pensa da fusión de concellos como saída a esta crise?

Como alcalde, penso que a fusión dos concellos trae moitos problemas. Non é fácil, sobre todo en Galicia, onde está moi arraigado o territorio propio. En Galicia cada parroquia quere o seu pavillón deportivo, a súa piscina, ata quere o seu colexio ou o seu centro médico. Polo tanto, eliminar a terminoloxía, fusionar concellos… é algo moi perigoso. Eu creo que existen fórmulas alternativas e que eu xa din a coñecer, coma compartir servizos, o que potenciaría o papel das deputacións, sobre todo nos concellos rurais. Sabemos que a cuestión non está tanto no número de habitantes senón en que son deficitarios e teñen graves problemas económicos, sobre todo en Galicia pola dispersión e polo envellecemento.


O último alcalde do PP en Ourense foi Manuel Cabezas. Que diferenzas e que afinidades poden ver os ourensáns entre vostede e el?

O que está claro é que hai un Ourense antes e despois de Manolo Cabezas. Manolo é o alcalde referente que teñen hoxe os ourensáns como modelo. Non só por gañar tres maiorías absolutas consecutivas, senón porque levou a cabo a primeira grande transformación da cidade. Antes del, Ourense vivía e costas ao río, algo impensable hoxe. Todo o mundo, o primeiro que che dicía hai anos era “vou ás Burgas”. Hoxe hai moito máis que as Burgas, e iso é todo responsabilidade de Cabezas. Eu quero levar a cabo a segunda transformación, pero cada un coa súa personalidade, ideas e obxectivos.


Como ve a presencia da Universidade en Ourense?

Non estou moi metido na Universidade, pero creo que os ourensáns están satisfeitos coa oferta que se fai nela. Supuxo un acercar o coñecemento e a investigación aos cidadáns. E iso sempre e bo. Non cabe dúbida de que o noso campus foi un impulso importante para Ourense. A respecto do seu financiamento… Todos queremos máis, pero os recursos son os que son. Habería que racionalizar a Universidade e plantexarse si neste país teñen cabida tres universidades, porque son tres administracións que hai que xestionar con moi pouco presuposto. Pero, repito, non cabe dúbida de que a Universidade tivo un efecto dinamizador moi positivo sobre a cidade

No hay comentarios:

Publicar un comentario