13 jul 2010

A DEPUTACIÓN DESTINA 100.000€ PARA A CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO ETNOGRÁFICO EN VALDEORRAS E VIANA

A Deputación provincial de Ourense publicou onte no BOP a convocatoria de axudas para a conservación e rehabilitación do patrimonio etnográfico, no marco dos proxectos “Arraiano”,“Terras do Avia” e “Delorur”. A institución provincial fixou como un dos principais obxectivos de actuación potenciar o desenvolvemento rural e urbano dos concellos da provincia, a través de actuacións económicas, tecnolóxicas e medioambientais que favorezan a competitividade e melloren o benestar e a calidade de vida dos cidadáns.

A intención da Deputación de Ourense ao convocar estas axudas é a protección, conservación, así como a posta en valor dos numerosos bens do patrimonio etnográfico (moitos deles nun pésimo estado de conservación), co fin de evitar a súa perda para sempre, co dano irreparable que iso suporía para o patrimonio cultural e, por ende, turístico, de toda a comarca de Valdeorras e Viana.

Os concellos que comprenden a áreas de actuación do proxecto Delorur son: O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.
Os investimentos que se realizarán terán, en principio, carácter de obras de limpeza, consolidación, conservación e rehabilitación das construcións, instalacións e do seu contorno, e desenvolverán unha política de promoción da cultura e da paisaxe nas áreas xeográficas dos proxectos. Os bens e instalacións de arquitectura tradicional e etnográfica sobre os que se poderá actuar son: cruceiros, petos de ánimas, hórreos, muíños, fornos, pombais, palleiras, alpendres, adegas, prensas, fontes, lavadoiros, pozos, canais, sistemas hidráulicos, e outros de carácter similar.
O orzamento adicado son 100.000€, que se distribuirán en axudas que se percibirán por unha soa vez por beneficiario e ben inmoble, cun importe máximo de 4.000 euros por actuación (máxima porcentaxe da subvención: 75%).

Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas físicas, as comunidades de bens e persoas xurídicas con ou sen ánimo de lucro que sexan propietarias, posuidoras ou titulares de dereitos reais, con consentimento do titular da propiedade. No caso de bens inmobles de titularidade veciñal ou comunal poderán ostentar a condición de beneficiarios as agrupacións sen personalidade xurídica constituídas, polo menos, por tres persoas maiores de idade.

O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o día 9 de agosto de 2010. Para máis información os interesados poden consultar as bases das axudas no BOP do día 7 de xullo de 2010, ou na web www.depourense.es, ou informarse no teléfono: 988 011 446.

A Deputación puxo en marcha estes proxectos, cofinanciados a través do programa FEDER, encamiñadas a crear emprego, fomentar o turismo, mellorar as infraestruturas, aumentar a calidade medioambiental, mellorar a accesibilidade e preservar o patrimonio cultural.

No hay comentarios:

Publicar un comentario