12 may 2010

O bipartito e Pachi Vázquez paralizaron durante 2 anos o informe ambiental da autovía Ourense-Ponferrada

A anterior consellería socialista de Medio Ambiente nunca deu saída a un informe sobre impacto ambiental, co grave perxuízo que supón para os veciños de Valdeorras o retraso na construción da autovía

O anterior goberno bipartito da Xunta de Galicia e o entón conselleiro de Medio Ambiente, Pachi Vázquez, paralizaron durante máis de 2 anos a presentación do informe ambiental que permitiría dar luz verde á construción da autovía Ourense-Ponferrada.

Os graves feitos fan referencia a que o 20 de outubro de 2006 ten rexistro de entrada na Consellería de Medio Ambiente un escrito da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental no que se solicita a realización dun informe para o estudo do impacto ambiental dos catro corredores plantexados.

Posteriormente elabórase un informe que é asinado o 2 de agosto de 2007 polo xefe de servizo. Sen embargo, a este informe nunca se lle deu saída, amosando unha vez máis a falta de vontade política e compromiso con esta infraestrutura de comunicación.

O pasado 4 de febreiro de 2010, o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino solicitou un informe de detalle dos Espazos Naturais Protexidos e a Rede Natura 2000, xa que a anterior Consellería de Medio Ambiente non enviara ningún informe.

A xestión do goberno do PP foi rápida e efectiva pois un mes máis tarde, o 22 de marzo de 2010, produciuse a saída do informe, emitido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

O resume de todo isto é que por culpa de Pachi Vázquez e do bipartito a autovía Ourense-Ponferrada, tan necesaria para toda a sociedade de Valdeorras, sufriu un retraso de dous anos. ¿O motivo? A falta dun compromiso real e o non querer apostar decididamente polo futuro dos cidadáns de Valdeorras.

De todas formas, o importante é que as xestións se fagan e que a autovía sexa unha realidade, e nelo estamos a traballar a pesares dos paos nas rodas que nos puxeron e nos seguen poñendo os socialistas aos veciños de Valdeorras.

Finalmente os estudos que o bipartito retrasou a conciencia e non quixo dar a coñecer revelan que co trazado previsto poríanse en perigo 140 especies, algunhas delas incluídas no catálogo galego de animais ameazados, e isto traería consigo a alteración irreversible dun espazo de alto valor natural e ecolóxico, que sería irrecuperable si se executa a autovía nos termos proxectados polo Goberno Central.

A Consellería de Medio Rural considera esta autovía necesaria, pero o trazado proposto polo PSOE non é o máis adecuado, polo que se reclama un novo trazado que non invada este Parque Natural.

Non se trata de retrasar nada, senón de facer as cousas ben, sen enganar á xente e dicíndolle o que hai. Nós queremos que autovía sexa unha realidade canto antes, pero é unha mágoa que por culpa do bipartito e de Pachi Vázquez teñamos que sufrir un retraso de dous anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario