17 ene 2010

500 NOVOS UNIVERSITARIOS PODERÁN TER UNHA EXPERIENCIA LABORAL INTERNACIONAL COAS BECAS DA DEPUTACIÓN DE OURENSE



Este é o obxectivo a cinco anos que se marca a institución provincial no seu
Programa Europeo de Becas Internacionais.
José Luis Baltar participou hoxe no acto de presentación dos 50 novos titulados que
iniciarán as súas prácticas europeas. En febreiro haberá unha nova convocatoria.

O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, participou hoxe na Aula de
Cultura do Liceo na xornada de presentación do Programa Europeo de Becas
Internacionais que desenvolve a Deputación de Ourense, e que permitirá nesta edición
que 50 novos titulados universitarios de Ourense poidan realizar prácticas en
empresas europeas ao longo deste ano 2010.

Os beneficiarios do Programa Europeo de Becas Internacionais da Deputación de
Ourense partirán a partir da próxima semana aos diferentes países europeos para
desenvolver unha experiencia laboral en diferentes sectores económicos adaptados ás
súas titulacións. Neste senso, hoxe tivo lugar unha reunión de traballo para
explicarlles aos mozos e mozas todas cómo se vai a desenvolver a súa etapa laboral
en Europa, e tamén expuxéronse experiencias doutros universitarios que en anos
anteriores participaron neste programa de becas traballando en países europeos.

O presidente da Deputación fixo un balance do Programa iniciado en 2008 e comentou
as novas orientacións do Programa de Becas 2010, cualificando aos beneficiarios como
“os embaixadores de Ourense en Europa”, e animándoos a aproveitar ao máximo “esta
experiencia que será moi enriquecedora, tanto no ámbito profesional e laboral como
no eido social”.

José Luis Baltar dixo que a Deputación de Ourense fixouse un obxectivo a cinco anos:
“Dar a posibilidade a 500 titulados universitarios de participar nunha iniciativa
que lles permita ter unha experiencia laboral internacional e mellorar o seu
coñecemento de idiomas”. Ata o momento, máis de 150 titulados tiveron oportunidade
de participar no programa, “e para seguir con esta estratexia, no primeiro trimestre
deste ano convocaremos 35 novas prazas, que serán 100 no conxunto do ano 2010”,
explicou Baltar.

O presidente provincial destacou a evolución positiva do número de titulados que se
interesan polo programa de becas, pois na última convocatoria presentáronse máis de
200 solicitudes. José Luis Baltar dixo que o que mellor reflicte o traballo ben
feito “é escoitar as experiencias dos mozos e mozas que xa tiveron a oportunidade de
participar neste programa, e se a axenda mo permite, gustaríame neste ano 2010
desprazarme a algunha das cidades europeas nas que desenvolvemos esta iniciativa
para coñecer en profundidade e in situ o voso traballo e a vosa experiencia
profesional”.

Con este proxecto, a Deputación de Ourense aposta firmemente pola aprendizaxe de
linguas estranxeiras, pola adquisición de novas competencias, pola cualificación,
pola mellora do emprego e polo coñecemento de outras culturas e outras formas de
traballar. “Trátase, en definitiva, por investir na maior riqueza que temos: a
xuventude, porque investindo nela, investimos en Ourense”, afirmou José Luis Baltar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario